24.2.09

en sargadelos ferrol

a próxima sesión do obradoiro (o día 27 de febreiro) terá lugar na galería sargadelos de ferrol.



será unha sesión aberta na que terá lugar a presentación da edición en papel d'os veos da paisaxe na edición que fixo antonio piñeiro en bourel.
o editor estará presente para contarmos como é este asunto de facer edicións artesanais, haberá un pequeno recital poético e os asistentes que o desexen poderán participar dun pequeno exercicio de escrita poética a partir das fotografías da exposición.

23.11.08

o obradoiro no círculo

como sucede habitualmente dende hai uns anos, algúns dos membros do obradoiro literario participaron da homenaxe que o círculo mercantil e industrial-unidade de fene fai a xosemaría pérez parallé.
como novidade, arsenio iglesias pazos que andaba de visita por aquí fixo de presentador do acto.

10.11.08

alfredo ferreiro no obradoiro

o venres pasado visitounos no obradoiro alfredo ferreiro.

alfredo é autor do libro que o ano pasado obtivo unha mención publicación do xurado do premio nacional de poesía xosemaría pérez parallé.

este ano viña a fene para participar da reunión do xurado do premio e aproveitamos para convidalo a compartir connosco unha sesión de obradoiro.

foi unha sesión diferente na que non había moito texto para comentar así que fixemos un par de xogos de escrita que remataron con varios poemas individuais e tres poemas colectivos escritos coa técnica do cadáver exquisito.

alfredo publicou esta fin de semana un post no que conta a súa experiencia no xurado do premio e a súa visita ao obradoiro, e incluíu o poema que escribiu connosco na sesión.

7.11.08

presentación

anunciamos a apertura das portas desta casa.

"as voces da casa" é un grupo de escrita creativa que se reúne para xerar ideas, fabricar produtos literarios e outros artefactos multimedia, discutir os resultados e explorar en conxunto.

o obradoiro ten lugar en fene (galiza) dende hai xa varios anos pero, a partir de agora, inicia esta nova andaina na rede.

esperamos as vosas visitas e os vosos comentarios!