25.5.09

na galaxia imaxinaria (fin de curso)

o pasado venres inaugurouse en fene o parque da galaxia imaxinaria. un espazo diferente para estar ao aire libre e non ser só expectadores.

ten un pequeno anfiteatro (cunha acústica asombrosa) onde aproveitamos para facer o noso habitual recital de fin de curso e presentamos o número 6 d'as voces da casa, a publicación anual con textos dos participantes no obradoiro, este ano adicados a conmemorar o centenario do nacemento de xosemaría pérez parallé.

aquí tendes uns exemplos de participantes do obradoiro lendo os seus textos.


e o orgulloso director da orquesta.

22.5.09

recital de fin de curso

hoxe ás 18:30, no novo parque da galaxia imaxinaria, teremos o noso recital de fin de curso e presentaremos a nova edición d'as voces da casa, a nosa publicación anual cos traballos dos participantes do obradoiro.
este ano é unha homenaxe a xosemaría pérez parallé no centenario do seu nacemento.

copio aquí uns fragmentos do texto de presentación que escribín para este exemplar da publicación.

Pasou un novo curso e foi diferente. Este ano incorporáronse ao grupo varias persoas con ganas de aprender e traballar. Aire renovado que nos encheu de enerxía.
Tamén este ano incluímos nos obxectivos do obradoiro unha serie de actividades novas: arredor do blog «as voces da casa» empezamos a fabricar as nosas propias bitácoras. E pouco a pouco van nacendo estes espazos que facemos públicos en internet e onde amosamos o noso traballo e dá a volta ao mundo.
O asunto promete e para o curso que vén seguiremos profundizando nesta liña.
A Biblioteca Municipal de Fene que nos acolle cada semana leva o nome de Xosemaría Pérez Parallé. Neste ano, no que celebramos o centenario do seu nacemento, o Obradoiro Literario non podía permanecer alleo. Parallé é unha figura que significa, para todos, un exemplo de compromiso coa lingua e a literatura de noso, coa súa difusión e promoción, co seu coidado e mimo.
A proposta de traballo foi a seguinte: cada un escolleu un poema de Parallé e, a partir da idea central do texto, escribiu un traballo de seu. Nesta edición d’as voces da casa, tentamos que as dúas voces dialoguen poñéndoas unha a carón da outra.
Non é doado atopar edicións da poesía de Parallé. Xa que logo, as voces da casa significa este ano, tamén, un agasallo para as xentes de Fene dun pequeno feixe de poemas do «Segrel do Penedo» escollidos por cada un de nós. Unha modesta contribución á difusión da obra do mestre.